Tradicional
( 2 Reseñas )
Nacín na Coruña, aínda que me crie en Nogueiras, no Concello da Pobra do Brollón. O lugar máis lindo do mundo... Sempre me gustou a música, supoño que porque na miña casa lle gustaba a toda a familia: miña nai, meu tío Pedro (o culpable de que ao final estudiaramos música), meu irmán (Tico, o dos Yellow Pixoliñas). Nos anos 80 entrei a formar parte, como membro fundador, do grupo "Limiar", afincado en Salcedo, no Concello lucense de Pobra do Brollón. Un soño feito realidade. No ano 1985 marchei a Madrid para continuar os estudos de violín clásico, estudos que comezara no ano 1983 (ao plantexarse a necesidade de que en Limiar houbese un violín), no conservatorio elemental de Lugo co profesor don Ramón Pérez Martínez. En 1986 entrei a formar parte da Xoven Orquestra Galega (outro soño feito realidade) e continuei os meus estudios de violín con Laura Quitillán, Jan Sedlacek, Pavel Kyncl, Jana Kpsrivova e Armando Toledo (Armando foi o culpable de que rematase a carreira superior. Moitas grazas) En 1986 acompañei ao cantautor do Barco de Valdeorras Anxo Rei, xunto a Alberte González, Xosé Ramón González e Eliseo González (vellos amigos de Limiar). En 1988 entrei a formar parte do grupo "A Quenlla", co que gravei os discos "Európolis 88" e "Máis alá da néboa" (un soño máis, gravar un disco en Madrid nos estudios Kyrios) Nos anos 90 fundei, xunto a Fiz Otero, un antigo compañeiro no grupo "A Quenlla", "Esfenoedro". Por Esfenoedro pasou un dos músicos máis importantes do panorama musical galego e, por qué non, nacional actual: o pianista e compositor Abe Rábade. A aventura durou pouco, pero foi tremendamente enriquecedora tanto a nivel musical como a nivel persoal (Abe e Fiz seguen a ser grandísimos amigos). Colaborei con Milladoiro na súa xira "Iacobus Magnus" como violinista na orquestra que os acompañaba. Posteriormente colaborei co gaiteiro Carlos Lorenzo Lemos formando parte do seu grupo "Carlos Lorenzo Grupo" xunto a Eliseo Zaera e Cabe. Tamén participei no proxecto PELdeNOZ, do que saín a finais do mes de abril de 2009 para afrontar novos retos. Na actualidade toco con Saltanocribo, un grupo francamente divertido do sur de Lugo.